A miña cuarta mudanza en 5 anos
Por fin. Por fin, despois de tres anos de relación, imos vivir xuntos. Para o meu amor, a súa primeira mudanza, para min a cuarta en cinco anos. Teño tanta experiencia que podo encoller os andeis dos libros, as mesas e as cadeiras para que ocupen menos espazo no camión da mudanza. Ben, igual desvarío con só pensar en facer caixas.
A miña amiga Vane recoméndame explorar o método Marie Kondo, por se o podo aplicar a esta mudanza. Que formatee da miña testa esa idea tola de organizar as caixas por espazos -a miña habitación, o meu escritorio, a cociña, o baño, o salón, o armario estilo McGuiver do corredor- e así encher as caixas por temáticas.
Téxtiles, incluídas cortinas, nunha caixa.
Todo o material de oficina, os meus libros e os meus lapis de cores, noutra caixa.
Outra caixa con todos os compoñentes eléctricos: cargadores, ladróns, alargadores, lámpadas de reposto…
Ela, a miña amiga Vane, sempre refregándome o organizada que é e o ben que lle vai esa organización. Eu recoñezo que o é e que mesmo a min, a súa boa organización faime a vida máis doada.
Doada soméllame a vida agora porque síntome feliz. Adoro respirar esta felicidade. Parece que case floto no aire. Por fin, despois de 3 anos de relación, vou vivir con Tsar, o can que adoptou o meu ex ao ano de empezar a saír xuntos.
Taller de Escritura. Confinamento. Maio 2020
Comentarios
Publicar un comentario